Comisión Nacional de Estatística Xeral
A estatística xudicial en España é unha competencia atribuída pola Lei orgánica do poder xudicial á Comisión Nacional de Estatística Xudicial, un órgano autónomo integrado polo Ministerio de Xustiza, o Consello Xeral do Poder Xudicial, as comunidades autónomas con competencias transferidas e a Fiscalía Xeral do Estado, e que ademais conta coa participación, colaboración e apoio do Instituto Nacional de Estatística.
Con este espazo público, oficial e aberto sobre a estatística xudicial, tanto o establecido no Real decreto 1184/2006, do 13 de outubro, coma as previsións do Plan de transparencia xudicial de 2003 se axustan ao escenario de cogobernanza en Xustiza, a fin de lle ofrecer á cidadanía e aos poderes públicos unha estatística xudicial uniforme e de calidade.
Correspóndelle á Comisión Nacional de Estatística Xudicial a elaboración, execución e presentación pública do Plan nacional de estatística xudicial, actualmente referido ao período 2021-2024, así como dos plans anuais estatísticos, cuxo reflexo se conterá e actualizará neste espazo. Desde a creación da CNEX, a tarea de elaboración e tratamento da estatística xudicial vén sendo realizada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, coas directrices da Comisión Nacional de Estatística Xudicial e conforme o mandato da disposición transitoria 2ª do RD 1184/2006, do 13 de outubro. Esta actividade pódese consultar no Portal de Estatística Xudicial do CXPX.
A posta en marcha do portal A Xustiza en datos é un importante paso para sumar, unificar e coordinar os esforzos das distintas administracións que integran a CNEX con vistas a lograr unha estatística xudicial da máxima calidade e alcance.
As áreas de información e datos estatísticos do Plan Nacional de Estatística Xudicial 2021-2024, así como os traballos e achegas estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial, do Ministerio de Xustiza, da Fiscalía Xeral do Estado, das Comunidades Autónomas competentes e mais do Instituto Nacional de Estatística, iranse incorporando de xeito progresivo ao portal A Xustiza en datos nun formato accesible, transparente, aberto e reutilizable.